Chaves concede protagonismo á natureza en «Terra», a mostra que chega á a sala Rivas Briones

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

A exposición abre as súas portas este venres, ás 19.30 horas, e permanecerá no espazo vilagarcián ata o 30 de xuño

10 may 2024 . Actualizado a las 17:41 h.

A idea arrancou da pandemia, un tempo morto, sen narrativa nin proxecto. Pero tamén dun retorno ao comezo, á figuración coa que Xaquín Chaves (Vilaxoán, 1959) se iniciou no eido da pintura. Esa paréntese trouxo consigo a oportunidade de que o creador arousán cobrase a marxe precisa para traballar en gran formato, sen apuros. Dende ese núcleo e dende o reencontro coa natureza —que domina o entorno do seu espazo creativo e, de cando en vez, asomaba timidamente, aquí e aló, en determinados recunchos da súa obra— agroma Terra, un itinerario pictórico pola natureza, que a sala Rivas Briones de Vilagarcía inaugura este serán, a partir das 19.30 horas.

Aínda que Chaves adoita basear as súas exposicións en obra recente, desta volta o seu percorrido comeza no albor do novo século. Tres das pezas teñen como base a tea; o resto dos traballos medran sobre o papel. «Preocupábame pechar ese arco que se abrira entón e esixiu moito traballo, tanto pictórico coma loxístico e operativo. Todo se foi solucionando e, en certa maneira, ao final Terra é unha celebración da natureza», anota o pintor, que encherá de contido a principal das salas de Vilagarcía ata finais de xuño.