The Rapants: La apisonadora del buen rollo

FUGAS

Andrea Sánchez

O grupo de Muros doutorouse «cum laude» nos dous arrebatadores concertos de inicio da súa nova xira

25 mar 2024 . Actualizado a las 17:58 h.

Están os vertedoiros da música cheos de proxectos musicais que se viñeron abaixo por errar nas expectativas. Situar o listón moi alto conleva riscos que non sempre son asumibles. Como tampouco, seguramente, eran necesarios. No caso da presentación do novo disco e arranque da xira La máquina del buen rollo, de The Rapants, nin as expectativas nin a altura do listón foi cousas deles. Encargáronse de determinalo as mil quiñentas almas que paparon en minutos as entradas para os dous concertos dos de Muros na sala Capitol. O reto era maiúsculo pero a resolución do mesmo resultou abrumadora. Entre as moitas cousas que The Rapants deixaron claras esta fin de semana está a constatación de que o que eles manexan non é unha «máquina del buen rollo», é unha auténtica apisonadora buenrollista.

A imaxe enorme dun Saltamontes, a atracción de feira que The Rapants converteron en símbolo deste disco e desta xira, cubría todo o fondo do escenario da sala compostelá. Dalgún xeito era xa unha declaración de intencións: o que alí ía acontecer tiña moito de festa e de vertixe emocional. E non fixo falta agardar moito para comprobalo. Con puntualidade muradiana os catro rapantes asomaron a escenario para, sen sequera terzar saúdo, axitar ao persoal encadeando as dúas primeiras cancións do novo disco, Meu cariño e Tuenti, e dúas do anterior, Fai tempo e Musicote en tu coche. As abrumadoras credenciais estaban xa sobre o escenario e non facían falta grandes doses de perspicacia para aventurar que aquilo ía rematar en delirio.

Bastaron catro cancións para deixar claro que Samu, Xanma, Xaquín e Matías -coa cada vez máis activa e fundamental participación de Iago, dende a mesa de son- elevan o seu directo a outra dimensión. Apoiados por unha maior presenza de secuencias e de efectos, sen que iso dilúa o máis mínimo a súa frescura nin a súa brutal capacidade de empatía co público, The Rapants entregan un son moito máis rotundo e definido, moito máis redondo e sen fisuras.

Os de Muros agasallaron a o público con dous concertos especiais cun máis que xeneroso setlist de 27 cancións que debullan en 90 intensísimos minutos. Soaron todas as do seu último álbum, sete de O corazón como un after, catro do seu primeiro disco longo, Cariña de raposo (2019) e varios temas dos seus inxustamente esquecidos primeiros epés, do 2018, The Rapants e Que fluya. Dende logo, quen non coñecera en profundidade á banda, fixo un máster en hora e media. Con momentos memorables como cando a xeito ramoniano -tras o único momento prescindible do concerto, o gag dun suposto Moisés- enlazaron Sábado, Trankimazin, Country asasino e Cariña de raposo.

A cabina do Saltamontes ergueuse entón ata o máis alto e The Rapants bloquearon o mecanismo de baixada. Xa non había lugar para tregua algunha ata o remate. «Sálvese quien pueda» viña a anunciar o cuarteto antes de abordar, xa en desatada comuñón co persoal, unha incendiaria e dificilmente batible combinación: La noche, Blaster W4u, Rue Franklin, O avión (con Samu planeando sobre a platea), La favorita e A vida. Tremendo o delirio. Aí queda iso. Agora que veñan outros e o superen. Se poden. Que non vai ser doado.

The Rapants doutoráronse na Capitol cun máis que merecido cum laude. E quedou meridianamente claro que xa nada volverá ser igual para estes catro rapaces de Muros que un día quixeron emular, sen moitas máis pretensións que pásalo ben, as andanzas de músicos que admiraban. Agora son eles os admirados. Agora son eles os donos da atracción. Os que reparten as fichas. Os que xogan a ser felices e a facer felices aos demais. Pero sen deixar nunca de ser iso, catro rapaces de Muros. Que por fin poden ter moi claro que, si, perderon un avión, pero nin de coña te van perder a ti.