«Entrega en man» chega ao Teatro Principal compostelán: «É un humor duro, moi descarnado»

La Voz

SANTIAGO

Diego Seixo

A montaxe de Contraproducións poderase ver este venres e sábado

25 abr 2024 . Actualizado a las 04:55 h.

Mañá e sábado • 20.30 horas • Teatro Principal • 12 euros • Unha cotrosa habitación de hotel dunha pequena e anónima vila estadounidense. Nela, un supremacista branco, estrafalario e agresivo ofrece unha recompensa por recuperar a man que lle cortaron 27 anos atrás e que desde entón leva buscando sen descanso. Ese é o punto de partida de «Entrega en man», a nova montaxe da compañía Contraproducións que recalará mañá e o sábado no Teatro Principal. Trátase dunha adaptación dunha peza do escritor e multipremiado cineasta irlandés Martin McDonagh por parte de Cándido Pazó. «É un autor que xa fixemos outra obra e polo que temos certa querencia. Ten ese humor retorcido, iso que nós chamamos comedia denegrida, para despois abordar temas sensibles como o racismo, a xenofobia e, de xeito secundario, o machismo», apunta o tamén director do espectáculo.

O elenco desta montaxe está conformado por Evaristo Calvo, Diogo Sales, María Roja e Santi Romay, que se meten na pel do supremacista, unha parella que o trata de enganar cunha man que, pola cor, se ve as claras que non é a que lle cortaron, e un recepcionista do hotel. Foi moi difícil a adaptación? Pazó explica que, a diferenza doutras adaptacións que fixeron, nesta ocasión a peza non está ambientada no rural en Irlanda, senón nunha cidade media de Estados Unidos, «entón para que o humor funcione coma na orixinal tivemos que buscar correspondencias para que resoe nos nosos espectadores».

Precisamente, na xornada inicial, mañá, Pazó e o elenco participarán nun coloquio co público ao rematar, algo que está desexando o director debido as características da peza. «É un humor duro e difícil. Ás veces, pode haber algún espectador ou espectadora que sinta que a súa sensibilidade se resinte un pouco. Pero esa é a aposta de McDoagh e a que nós aceptamos: un humor moi no límite, moi descarnado, que necesita que o espectador decodifique sen prexuízos, con mente aberta», apunta Pazó. Esta peza tamén terá, ao igual que a exitosa «Cigarreiras», versión en castelán e levarana tamén fóra de Galicia.